Saturday 11 de May de 2024

Catro negocios de Ferrolterra de restauración e aloxamento recibirán axudas para mellorar equipamentos e servizos


A Xunta comunicou aos beneficiarios a resolución desta convocatoria, dotada con 34.828 € para accións de modernización, accesibilidade ou eficiencia enerxética na comarca de Ferrolterra que mobilizarán máis de 115.000 euros
A Xunta de Galicia notificou a resolución da liña de axudas posta en marcha a finais do pasado ano para financiar, cun investimento de máis de 34.000 euros, actuacións de mellora en establecementos de aloxamento turístico e restauración na comarca de Ferrolterra que mobilizarán un investimento de 115.000 euros. Trátase dunha convocatoria que, como novidade, abriuse tamén para os restaurantes e da que se van beneficiar dous hoteis en Vilarmaior e Cedeira e a outros dous restaurantes en As Pontes e Ferrol.
Con esta achega, a Xunta contribuirá a financiar, entre outras actuacións, accións de mellora nos equipamentos e servizos dos negocios, buscando unha oferta de maior calidade para os propios galegos e os visitantes. Inclúense proxectos de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, melloras nas instalacións para obter certificacións de excelencia, actuacións de renovación e modernización das instalacións ou melloras na climatización.
No ámbito provincial serán 21 os establecementos beneficiados por esta liña de axudas cun investimento total de 327.000 euros que mobilizarán 1,1 millón de euros nesta área.
Destino de calidade
A posta en marcha desta liña de axudas enmárcase nos obxectivos da Consellería de Cultura e Turismo de favorecer a renovación e modernización dos establecementos da Comunidade co obxectivo afondar un destino accesible e de calidade. Esta liña estratéxica cobra especial importancia para os empresarios e autónomos que, tras semanas de parón obrigado, retoman a súa actividade neste escenario de incerteza.